Sunday 28 de April de 2024

A alcaldesa recibiu no Concello a Jéssica García e David López, campións do mundo no WDSF World Championship Latin Senior 1


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, recibiu onte no Concello xunto co edil de Deportes, Ibán Santalla, a David López e Jéssica García, deportistas do club naronés Un Paso Adelante (UPA) que conseguiu a medalla de ouro no World Dance Sport Federation (WDSF) World Championship Latin Senior 1 celebrado hai uns días na cidade de Vagos, en Portugal.

A parella acadou este ano a medalla de ouro tras quedar o pasado ano no segundo posto, coa medalla de prata, na mesma competición, que se celebrara en Rotterdam (Holanda). Os campións conversaron coa alcaldesa e o edil naronés sobre esta experiencia en particular e sobre a súa traxectoria en particular, cargada de éxitos froito da súa dedicación e traballo e competindo ao máximo nivel.

A rexedora local felicitounos polo recente premio e tamén pola súa dilatada e exitosa traxectoria, que tan só na última tempada os levou a ser campións galegos, de España de bailes latinos en La Nucía (Valencia), de Europa de baile deportivo na modalidade de latinos, no campionato celebrado en Cambrills (Barcelona), no German Open… entre outros. Ferreiro destacou o orgullo de poder contar na cidade con deportistas como Jéssica e David, grandes embaixadores desta modalidade deportiva en particular e de Narón en xeral, reiterando os parabéns polos premios acadados e desexándolles novos éxitos.

A alcaldesa entregoulles como agasallo unha réplica da escultura “Anduriña”, realizada polo escultor portugués afincado en Narón Manuel Patinha.